03/11/16

¿Canto falta para a normalización? (Por Laura Rubio)


  Tras a  Guerra de Sucesión da que saíu gañadora a raíña Isabel a Católica, a lingua galega quedou inmersa nun gran período de escuridade, os Séculos Escuros. A raíz disto apareceron unha serie de prexuízos cara  a nosa lingua, tanto por parte das persoas foráneas coma polos propios galegos.
  A pesar de que séculos despois chegaría o Rexurdimento co propósito de normalizar, dignificar e levar a tódolos ámbitos a lingua, a mala consideración cara o galego non mudou, e todo o camiño andado neses anos viuse truncado pola chegada do franquismo, período no cal quedou totalmente prohibido escribir e falar en galego. Como consecuencia disto a minorización da nosa lingua aumentou ata chegar ós nosos días.
   Entre moitos dos prexuízos que chegaron  a nós, un dos máis frecuentes é a crenza de que nas cidades e nas capitais fálase castelán, mentres que nos pobos pequenos e nas aldeas emprégase o galego. Aínda que moitos de nós non somos conscientes disto e mesmo pensamos que actualmente estas cousas non ocorren, a verdade é outra que descoñecemos, pero que existe.
    
   Fai pouco fixemos unha saída pola nosa vila na compañía do alumnado dun instituto de Santiago que tamén cursa a materia de Literatura Galega. O curioso foi encontrar mozos e mozas que só se expresaban en lingua castelá, a pesar de tratarse dunha saída dedicada á materia de galego e seren eles mesmos galegos e galegas de pleno dereito. Creo que é un pouco deplorable que mozos galegos e mozas galegas, que elixiron esta materia voluntariamente non empreguen a nosa lingua para comunicarse, e aínda o é máis saber que o profesorado lles pon un punto por falar en galego na clase, cando debería ser xa unha obriga ou polo menos saír deles mesmos.
  
  Por outra banda, na manifestación na capital compostelá desenvolvida o pasado mércores, contra a nova lei educativa (LOMCE), á que asistín cuns amigos e compañeiros de clase, tiven que escoitar comentarios que verdadeiramente me alarmaron. Un grupo de mozos castelanfalantes dicían que “tenían problemas para hablar el gallego, porque no sabían cambiarse de un idioma al otro sin equivocarse en las palabras”, o que ven dicindo que hai unha gran incultura na nosa sociedade en canto á nosa lingua se refire.
 
  Outra situación que se podería empregar para exemplificar o tipo de sociedade na que vivimos é o contido dun vídeo que vimos nas clases de galego. Nel, dúas exconcursantes do reality show Gran Hermano, unha galega e outra mallorquina, falaban sobre a lingua galega. O raro é que a moza mallorquina tiña mellor concepción arredor do galego do que a tiña a rapaza galega, a cal dicía cousas coma que o galego non servía para todos os ámbitos como por exemplo o do ligue, que non o falaba porque non quería falalo mal ou mesmo que a gheada e o seseo fainos semellar brutos. O máis raro aínda é que, ao final, esta galega con sentimento de inferioridade, concluía dicindo que era unha pena que os galegos e as galegas, que temos unha lingua propia, non a usemos.

 
  Con todo isto, o que quero é mostrar como en realidade segue a ser a nosa sociedade a que segue a ter medo de utilizar o galego e mesmo se avergoña de facelo, porque considera que  dá máis prestixio falar en castelán. Persoalmente, antes de presenciar estas cousas, de vivilas, non era consciente totalmente de que seguimos case no mesmo punto do que partimos xa fai anos, e entón ¿cando chegará esa esperanzada normalización?. A resposta, témome que é incerta, porque se se seguimos así creo que nunca chegaremos a unha total normalización do galego. Se ben,  aínda que sexa duro o camiño cara ela, toda a sociedade debería axudar co seu gran de area, porque se os “patufos desleigados” dos que falaba Celso Emilio non comezan por mudar estes aspectos, pouco conseguiremos o resto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario